
Andaba eu fedellando polas redes sociais cando atopei unha publicación con 99 códigos para utilizar con ChatGPT.
E claro… había que probar! 😅
Púxenme a mirar para que servía cada un e pareceume que podían ser bastante útiles, especialmente para o noso traballo diario na escola.
Así que comecei a darlle voltas ao asunto.
Primeiro preparei unha guía cos 99 códigos explicados en galego. Despois pensei que sería moito máis práctico engadir un exemplo de cada un, relacionado, na medida do posible, co mundo educativo.
E dunha cousa saíu outra…
🎨 Preparei unha infografía cos 99 códigos organizados por categorías e outra con exemplos concretos para utilizalos na aula, na elaboración de materiais, na dirección do centro ou nas redes sociais.
🛠️ E como se utilizan? Un exemplo práctico
Imaxinemos que queremos preparar unha actividade de impresión 3D para nenos e nenas de 3º de Primaria.
En lugar de escribir simplemente «Explícame como funciona Tinkercad», podemos facer unha petición máis completa:
/stepbystep Explícame paso a paso como deseñar en Tinkercad unha placa rectangular de 70 × 40 mm co nome de cada alumno ou alumna en relevo, para imprimila nunha Ender-3 V3 SE. A actividade está dirixida a nenos e nenas de 8 anos que nunca utilizaron este programa. Emprega unha linguaxe sinxela, indica onde teñen que premer, explica como colocar as figuras e prepara unha sesión de 50 minutos. Inclúe tamén como gardar o deseño e exportalo para a impresión 3D.
E que conseguimos con isto?
Pois que ChatGPT nos pode preparar unha explicación organizada, con pasos concretos, adaptada á idade do alumnado e ao material que temos no colexio.
E todo por explicar un pouco mellor o que necesitamos!
💡 Pero ollo, que non hai maxia!
Estes códigos non son comandos oficiais de ChatGPT nin activan funcións especiais. Son simplemente unha maneira de indicarlle como queremos que nos responda. De feito, podemos conseguir o mesmo escribindo as instrucións coas nosas propias palabras.
Ao final, o interesante non son os códigos en si, senón aprender a facer mellores preguntas. E, por suposto, revisar sempre as respostas e adaptalas á realidade da nosa aula.
Pois nada, aquí deixo as guías e as infografías por se a alguén lle poden vir ben. Para consultar, copiar, adaptar… ou simplemente para seguir fedellando.
Que dis? Probamos algún?
Seguimos aprendendo e compartindo.
E por que non! 😉













